RIBEIRA> Preto dos tres millóns de euros. Esa é a cantidade que recibirá o executivo ribeirense do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, impulsado con fondos europeos Next Generation, para poder acometer a reforma da casa consistorial.
O proxecto presentado por Ribeira foi un dos mellor valorados a nivel nacional, o que convertería ó Concello no primeiro Consistorio ecoeficiente de Galicia
Ademais do aspecto exterior, que variará moito coa imaxe actual, a reforma a realizar afectará tamén á distribución interior, resolvendo as actuais carencias de falla de espazo para o persoal.
O alcalde, Manuel Ruíz, sinalou que a proposta vai moi en liña con outras actuacións xa realizadas no municipio coa redución do gasto enerxético.
Grazas a esta nova achega, Ribeira suma máis de 5 millóns de euros en fondos Next Generation xestionados polo Estado, pois a estes 2,8 millóns hai que sumar os 2 millóns de euros para desenvolver o seu Plan de Sustentabilidade Turística, e outras partidas menores en materias como dixitalización ou recollida de residuos sólidos.