Máis de 11 mil profesionais do mar están chamados ás urnas nas eleccións ás confrarías galegas

RIBEIRA> As confrarías galegas celebran este sábado as eleccións para renovar os seus cargos directivos. En Arousa agárdanse poucos cambios posto que a maioría dos patróns maiores optan á reelección.

Galicia celebra mañá os terceiros comicios unificados nas confrarías. Máis de once mil profesionais están chamados ás urnas nunha xornada que dará comezo ás dez da mañá.

Dende a federación fan un chamamento á participación para designar ós mellores representantes durante os próximos catro anos.

En Arousa agárdanse poucos cambios posto que a maioría dos patróns maiores optan á reelección, excepto en Vilanova.. É o caso do actual patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez, que aspira a renovar non só o seu cargo á fronte do pósito senón tamén como presidente da Federación Galega de Confrarías. Igual acontece con Daniel Formoso, que ten asegurada a continuidade como patrón maior de Muros ó non presentarse ningún candidato alternativo, e aspira tamén a seguir á fronte da federación provincial da Coruña.

Ademais de en Ribeira, os comicios estarán máis disputados en Aguiño, Cabo de Cruz e Noia onde xurdiron listas alternativas que propoñen un cambio nas directivas que, nalgúns casos como o de Noia, levan máis de 20 anos ó mando. Pola contra, noutras confrarías como Porto do Son non será necesario votar posto que as candidaturas presentadas coinciden co número de vogais da xunta xeral. Noutras haberá unicamente comicios parciais como por exemplo en Rianxo, Palmeira ou Vilaxoán nas que só haberá eleccións no colectivo de traballadores ou Aguiño, Portosín e Sanxenxo onde tan só se votará entre o colectivo de empresarios.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí