A cuarta xornada de busca do padexeiro desaparecido no Lérez remata sen resultados

PONTEVEDRA> Cuarta xornada de busca do padexeiro desaparecido no Lérez, en Pontevedra. Os efectivos que están a participar no operativo peinan todo o río, dende Bora ata a illa de Tambo. Un esforzo que ata o de agora non conseguiu ningún resultado e que se ve dificultado polas condicións meteorolóxicas destes días.

Cúmprense xa catro días dende que un padexeiro de 49 anos desaparecera no Lérez, no espazo entre as pontes das Correntes e do Burgo. Dende entón, un amplo dispositivo de busca peina o río.

Isto en superficie pero os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil e da unidade subacuática da Policía Autonómica están a realizar inmersións para comprobar os fondos do Lérez.

Un dispositivo de busca que se ve dificultado polas condicións meteorolóxicas destes días.

Ata o de agora estes esforzos non deron resultado. Dende o concello explican que o operativo continuará en marcha mentres os expertos o recomenden.

O padexeiro desapareceu no mediodía do venres cando remaba na zona entre as pontes do Burgo e das Correntes. A súa piragua envorcou e, aínda que nun principio conseguiu agarrarse á embarcación, rematou por afundir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí