NOIA> A corporación noiesa celebrará un pleno extraordinario para aprobar as obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Boa parte dos fondos asignados ó concello destinaranse a melloras na rede de saneamento.
Unha das actuación principais será a dotación dunha rede separativa de saneamento na rúa Outonil e Vista Alegre, complementada coa pavimentación e mellora dos accesos á zona de Santa Cristina. En total, o proxecto ascenderá a douscentos corenta mil euros.
No eido turístico destaca o proxecto de recuperación da antiga fábrica da Chaínza. O investimento de cento cincuenta mil euros asumido polo Grupo de desenvolvemento rural verase complementado cunha partida de douscentos mil euros con cargo ó POS para converte-la instalación nun albergue.
Tamén se destinarán máis de douscentos mil euros ás mellora no parque infantil e na contorna da Capela de San Lázaro. E no acceso ó porto de Testal habilitarase unha senda peonil e crearanse novas prazas de estacionamento. Por último investirase unha partida de trescentos mil euros en gasto corrente; concretamente no alumeado público e xestión do lixo.