Durán, na procura da súa oitava maioría absoluta para o PP en Vilanova

VILANOVA> Gonzalo Durán será o candidato do PP á alcaldía de Vilanova no 2023. Hoxe tivo lugar a súa presentación oficial nun acto no que estivo arroupado pola dirección provincial do partido. Durán aspira a revalida-la súa maioría absoluta, logo de 27 anos no cargo. O rexedor confía incluso en seguir medrando e acada-los 11 concelleiros. Sobre o que non se quixo pronunciar é sobre a posible candidatura que lideraría o seu irmán, noutrora compañeiro de partido e de goberno.

Nun ton de precampaña electoral, Gonzalo Durán deu de novo o paso. Hoxe anunciou que vai volver se-lo candidato do PP á alcaldía de Vilanova. Un cargo que ocupa dende o ano 95. Di que non só aspira a revalida-la súa maioría absoluta, senón que a incrementala.

De cara ao mandato do 2023 di que a súa prioridade é que os veciños ganen calidade de vida. Apunta que as propostas que vai levar no seu programa irán na liña do traballo feito nos últimos anos.

No acto, Durán estivo arroupado pola cúpula provincial e comarcal do partido. O presidente provincial non ten dúbidas de que o popular acadará o ano que vén a súa oitava maioría absoluta. Luís López di que é un orgullo para o PP contar co alcalde nas súas filas.

O rexedor deixa para marzo a confección da lista coa que concorrerá ás eleccións, aínda que xa adianta que haberá algunha baixa por cuestións de idade. Sobre o que non se quere pronunciar é sobre a posible candidatura que encabezaría o seu irmán José Juan, noutrora compañeiro de partido e de goberno.

E sobre a súa veteranía, Durán contrapón o seu caso ao do alcalde do Concello de Vigo. Recoñece que el leva máis tempo no cargo que Abel Caballero, pero indica que se trata dunha cuestión de idade e que, a diferenza do socialista, el non está nin en idade de xubilarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí