SANXENXO> En Sanxenxo, o novo pavillón de Nantes xa está a pleno rendemento. Os traballos da segunda fase deste proxecto xa remataron. O resultado: un espazo para a práctica de diversas modalidades deportivas con vestiarios incorporados. As instalacións serán empregadas polo alumnado do colexio de Nantes e tamén por tres tres clubes deportivos do municipio que van trasladar ao novo pavillón a súa actividade.
O pavillón de Nantes xa é unha realidade. Logo da primeira fase, na que se construíu a pista e a cuberta, vén de remata-la segunda, que consistiu no peche das instalacións e a construción dos vestiarios.
Esta mañá, o alcalde e concelleiros visitaban a obra para ve-lo resultado final. As instalacións van ser empregadas sobre todo pola rapazada do colexio de Nantes, situado ao seu carón. En total, un cento de nenos e nenas.
A construción do pavillón a escasos metros do colexio débese a un acordo coa comunidade de montes da zona, que cedeu estes terreos.
O pavillón xa está rematado, pero o alcalde avanza xa algunhas melloras a implementar no futuro. Unha delas, por exemplo, a construción de gradas.
Ademais, pon sobre a mesa outras actuacións inmediatas na contorna, como o campo de petanca que está previsto instalar na zona do Santo. A previsión é adxudicalo neste mes para que estea rematada antes deste Nadal.