O contrato coa empresa que descenderá ao pecio do Villa de Pitanxo xa está asinado

PONTEVEDRA> Xa está asinado o contrato coa empresa que se encargará de baixar aos restos do Villa de Pitanxo, en Terranova. Así llelo trasladou o delegado do goberno aos familiares dos falecidos no encontro que mantiveron na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. O que aínda non se sabe é cando o barco poderá iniciar a viaxe cara Canadá. Segundo José Ramón Gómez Besteiro, os prazos dependen da Audiencia Nacional.

Esta mañá deuse un paso máis para que poida comezar a operación de baixada ao pecio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova. A primeira hora asinouse o contrato entre a empresa adxudicataria do operativo e o Ministerio de Transportes.

Hai contrato asinado pero aínda non hai data de partida. Segundo o delegado, corresponde á Audiencia Nacional fixar os prazos e desginar aos peritos xudiciais que van facer a viaxe.

Gómez Besteiro trasladou estes avances ás familias dos falecidos no naufraxio no que foi o seu primeiro encontro dende que asumiu o cargo como delegado do Goberno. Unha reunión que se prolongou ao redor de dúas horas.

O encontro produciuse a petición das familias. O barco xa estaba listo para partir pero a falta de contrato xerou un importante malestar entre eles. No encontro desta mañá tamén solicitaron a Gómez Besteiro que nomee un interlocutor para estar informados de todas as xestións. Compromiso que que asumiu o delegado do goberno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí