PONTEVEDRA> O Pazo Provincial acolleu hoxe o acto central para conmemorar o 25 N, Día Mundial para a Erradicación da Violencia sobre a Muller. A Deputación de Pontevedra fíxoo unindo as voces de persoas recoñecidas en diferentes eidos. Unha fórmula, dixeron, para romper o silencio e avanzar cara a eliminación desta lacra.
‘Rompe o silencio. Escoita o cambio’ foi o lema co que a Deputación de Pontevedra bautizou o acto para conmemorar o 25 N, Día Mundial para a Erradicación da Violencia sobre a Muller.
Este ano, a lectura do manifesto correu a cargo de Belén Rubido, xuíza decana da Audiencia Provincial de Pontevedra. Un discurso no que apelou ao cambio e á transformación da sociedade.
No marco do acto, polo vestíbulo do Pazo Provincial pasaron numerosas caras coñecidas de diferentes eidos. Ademais do presidente Luis López, Raúl Santamaría, Pepe Solla, Natalia Cabeleira ou Natalia Maquieira, puxeron voz a un poema de Carmen Quinteiro.
A intérprete Sofía Espiñeira foi a encargada de poñer a banda sonora a este acto conmemorativo.











