Miñones destaca en Ribeira o compromiso do Goberno Central coa mellora dos servizos municipais

RIBEIRA> A de hoxe era a primeira visita oficial do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones,  a Ribeira, polo que foi convidado a asinar no libro de honra do Concello, facéndolle entrega tamén dunha figura, en cerámica de Sargadelos, que representa o faro de Corrubedo, un dos emblemas do municipio.

Pero a finalidade da visita era outra. Coñecer de primeira man o proxecto de rehabilitación do consistorio, polo que Ribeira recibirá preto dos tres millóns de euros, a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, impulsado con fondos europeos Next Generation.

Segundo José Miñones o proxecto presentado por Ribeira foi un dos mellor valorados a nivel nacional.

O alcalde, Manuel Ruíz, agradeceu o investimento por parte do Goberno Central, o que permitirá, segundo el, poder realizar a tan necesaria reforma do edificio municipal.

No encontro mantido co rexedor, no que tamén tomaron parte os voceiros de varios dos grupos que componen a corporación municipal, o Delegado tamén outras cuestións relativas ós investimentos por parte do Goberno Central no municipio que suman un total de nove millóns de euros, con proxectos como o de mellora do CEIP Frións, o museo do Mar, a nova comisaría da Policía Nacional ou a mellora da conexión a internet, entre outros.