Pontevedra chama ‘As cousas, polo seu nome’ na súa campaña do 25N

PONTEVEDRA> Pontevedra aposta polo lema ‘As cousas, polo seu nome’ para a súa campaña do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A concelleira de Igualdade afirmou que a intención deste ano era recuperar o contido político que se perdera nas últimas edicións. Ademais de apoiar as actividades que organicen os colectivos feministas, o goberno local preparou a súa propia programación que contempla, entre outras iniciativas, unha charla entre a xornalista Susana Pedreira e a cantante Zahara.

Este 25 de Novembro, Pontevedra chama ‘As cousas, polo seu nome’. É o lema da súa campaña polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Gulías puxo o foco tamén na decisión de recuperar o contido político para esta campaña. Contido que, considera, se perdera nos últimos anos.

A programación municipal comezará antes do 25N. O 16 celebrarase unha reunión do Consello da Muller Nova e inaugurarase no Teatro Principal a exposición sobre o programa Xuntas. O luns día 20 lerase no pleno o manifesto e despregarase unha lona no balcón do consistorio.

Xa na xornada do 25N, á 1 do mediodía a igrexa de Santa Clara acollerá unha charla entre a xornalista Susana Pedreira e a artista Zahara sobre o seu disco Puta, no que conta a súa historia de abusos.

Pola tarde, ás 5, celebrarase un concerto da artista libanesa Nadine Khouri. E o domingo 26 será a andaina do camiño violeta, organizada por Asampo.

Ademais, o goberno local sumarase a todas as actividades que organicen os colectivos feministas na cidade. Así, ás 12 celebrarase unha concentración na Paza da Peregrina organizada pola Marcha Mundial das Mulleres. E ás 8 e media da tarde, haberá unha manifestación coordinada polo Colectivo Feminista de Pontevedra.