O GROVE> O delegado da Xunta en Pontevedra, a Directora de Turismo de Galicia e o xornalista pontevedrés Xabier Fortes son os novos confrades de honra do Centelo Larpeiro do Grove. Foron investidos esta fin de semana, nun acto celebrado na Toxa que serviu tamén para conmemora-los 30 anos desta confraría gastronómica. No evento, participaron máis de 400 confrades de 45 colectivos de distintos puntos de España e Portugal.
O Gran Capítulo da Confraría do Centolo Larpeiro do Grove festexou o seu trinta aniversario. Fíxoo, como non podía ser doutro xeito, rendendo merecido tributro ao marisco rei. Foi nun acto, celebrado esta pasada fin de semana na illa da Toxa. Un encontro que serviu tamén para bota-la vista atrás e lembrar a razón de ser deste colectivo gastronómico.
O acto foi inaugurado polo alcalde do Grove. Cacabelos, ademais de render homenaxe á centola, tivo palabras de agradecemento para todas as xentes do mar, que fan do Grove o que é.
Ao acto asistiron un 400 confrades procedentes de 45 colectivos gastronómicos de España e Portugal. Como manda a tradición, o evento serviu tamén para nomea-los novos Confrades de honra: o xornalista pontevedrés Xabier Fortes, a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o Delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López.
Ao remate do acto, a comitiva trasladouse ás adegas Condes de Albarei, en Cambados, onde tivo lugar a tradicional centolada para todos os asistentes.