PONTEVEDRA> O comercio pontevedrés está en pé de guerra. A decisión do concello de non prender o alumeado de Nadal ata o vindeiro 16 de decembro enfada, e moito, aos comerciantes e hostaleiros da cidade. Xa están a recoller sinaturas para reclamar que se adiante o encendido e dar marcha atrás a unha decisión que, aseguran, afecta de xeito moi negativo ás súas vendas. Ademais, están a impulsar a campaña Ilumina Pontevedra, para ambientar a cidade dende os comercios e as vivendas.
Este momento… non se vivirá en Pontevedra ata o vindeiro 16 de decembro. O concello decidiu retrasar case 15 días o prendido do alumeado de Nadal.
O enfado entre os comerciantes contra esta decisión é xeralizado. Coinciden en que este retraso á hora de ambientar as rúas vai afectar á campaña de vendas.
Máis aínda cando Pontevedra queda soa nesta decisión. Non fai falla mirar cara Vigo. O resto de concellos da contorna, se non o están xa, alumearanse na Ponte da Constitución.
Para moitos, esta decisión é a pinga que enche o vaso. Non é a primeira vez que os comerciantes reclaman máis iluminación nas rúas pontevedresas.
Neste contexto de malestar, decidiron dar un paso adiante. Iniciaron unha recollida de sinaturas que presentarán o xoves no concello para amosar a súa indignación. Ademais, a través das redes sociais dan pulo á campaña Ilumina Pontevedra, para ambientar as rúas dende os comercios buscando tamén a complicidade dos veciños.