PONTEVEDRA> ENCE fixo público na fin de semana un informe dunha consultora no que se asegura que o traslado da fábrica de Lourizán non é viable. Tras analizar varios espazos, o estudo asegura que as localizacións alternativas non recollen os requisitos para elaborar pasta de papel, como son a superficie e a posibilidade de captación de auga. Hoxe, dende o concello de Pontevedra restaron crédito ao informe, que consideran de parte e escrito ao ditado para apoiar os intereses da pasteira.
O concello de Pontevedra resta importancia ao informe presentado por ENCE no que se desbota o traslado da pasteira. Segundo o estudo, cambiar a factoría de ubicación é inviable, xa que ningunha recolle os requisitos que precisa.
O informe está asinado pola enxeñería Edom que, segundo o goberno local, é a mesma á que ENCE encargou os informes que presentou ante a Audiencia Nacional e a que realizou o plan sectorial da pasteira.
Gulías asegurou que non é casual que ENCE publique o informe neste momento, cando está pendente de coñecerse a decisión da Audiencia Nacional sobre a súa prórroga ata o 2073. Ademais, insistiu en que o concello se mantén nas súas intencións.
Tamén se pronunciou sobre este informe a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra. Dende a APDR consideran o documento inadmisible, e aseguran que se trata dun novo intento de chantaxear á poboación e ás administracións.