PONTEVEDRA> A Asociación Española Contra o Cancro non falla á que xa é unha das citas clásicas da época de Nadal. Xa está aberto o seu rastro solidario, desta volta no baixo do número 8 da rúa Cruz Gallástegui. Un ano máis, o obxectivo é recadar fondos para axudar á asociación a continuar coa súa actividade anual.
O Nadal é a época por excelencia de facer agasallos. E xa postos, moito mellor que sexan solidarios.
O rastro da Asociación Española Contra o Cancro xa abriu as súas portas. Está instalado no baixo do número 8 da rúa Cruz Gallástegui, en pleno centro de Pontevedra.
Nos seus estantes poden atopar de todo. Vaixelas de todo tipo, xogos, libros, bisutería. Perfectos para regalar estas festas.
Poden mercar pero tamén poden facer doazóns para seguir enchendo os estantes. A asociación recolle de todo, coa excepción de roupa, calzado, enciclopedias ou xoguetes.
Se aínda non o fixeron, poden pasar polo rastro ata finais do mes de xaneiro. Están abertos de luns a sábado, en horario de mañá e de tarde.