Ducias de nenos perseguen o ‘Demo’ pola zona vella de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Demo volveu campar ás súas anchas polo centro histórico de Pontevedra. Como cada 23 de agosto, esta personaxe percorre a zona vella acompañado da súa comitiva e fuxindo dos nenos que o perseguen cun único obxectivo: quitarlle o rabo. Unha festa tradicional que Pontevedra recuperou no ano 2001.

Este mediodía, o cheiro a xofre na contorna dos Arcos de San Bartolomeu daba as primeiras pistas do que estaba a punto de pasar. Como cada 23 de agosto, o Demo quedou libre en Pontevedra.

Acompañado por músicos e pola súa comitiva, o Demo percorreu a Zona Vella da cidade. Perseguido en todo momento polos nenos que só tiñan un obxecivo: quitarlle o rabo.

Unha festa na que hai de todo. Baile, música, bromas, xogos. Tamén sustos. Pero na que cada ano participan cada vez máis cativos.

A festa foi recuperada en Pontevedra no ano 2001, grazas a un importante labor de investigación. Agora xa é unha cita imperdible no calendario pontevedrés. Na que gozan nenos e adultos.

Tras dúas saídas máis durante a xornada, o Demo volveu ao seu inframundo. Agardando a repetir a festa e comezando a conta atrás cara o 23 de agosto do vindeiro ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí