A Pobra porá en valor o xacemento da Corte do Santo tralas escavacións que permitan esclarecer a súa orixe

A POBRA> O concello da Pobra e a Universidade de Santiago de Compostela iniciaron a prospección arqueolóxica da Corte do Santo. Trátase dunha zona de difícil acceso, na contorna do río Pedras, na que puido existir un lugar de culto durante a Idade Media.

O alcalde da Pobra, que ostenta tamén as competencias en materia de Patrimonio, realizou esta mañá unha visita á escavación da Corte do Santo que está a levar a cabo o Laboratorio de Arqueoloxía Medieval da Universidade de Santiago.

O obxectivo da prospección arqueolóxica, iniciada a pasada semana, é determinar a posible existencia dunha eremita nesta zona de difícil acceso, emprazada ó carón do río Pedras, hipótese que ofrece aínda moitas dúbidas.

Os traballos, coordinados pola USC en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’, permitirán esclarecer o tipo de xacemento, datalo e iniciar o procedemento para a súa posta en valor e divulgación.

A escavación está cofinanciada polo concello da Pobra e o proxecto ECOLOC da Universidade dotado con fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.