Costas retoma o paseo a Marín: propón ‘desprazar’ a autovía cara o interior para deixar espazo ao paso peonil

PONTEVEDRA> Costas dá os primeiros pasos para reactivar a seguinte fase do paseo a Marín. O ente estatal pon sobre a mesa dúas opcións para continuar a infraestrutura. A primeira, a súa favorita, pasaría por desprazar a actual autovía cara o interior e aproveitar o espazo próximo á auga para habilitar o paseo. A segunda, optaría por reducir a estrada e pivotar na ría só unha parte do trazado.

Pouco máis dun mes despois de que o concello de Pontevedra fixera pública a decisión de Costas do Estado de desbotar o proxecto da segunda fase do paseo a Marín, chegan boas novas para esta infraestrutura.

Costas pon sobre a mesa dúas opcións. A primeira e a favorita tanto do ente estatal como do concello pasaría por desprazar a actual autovía de Marín cara o interior.

A actuación require do visto bo do Ministerio de Transportes. De non conseguilo, a alternativa na que traballa Costas suporía reducir a autovía.

Recordemos que o proxecto inicialmente aprobado foi desbotado por Costas pola invasión que contemplaba da lámina de auga coa construción dunha estrutura metálica sobre o mar. O elemento estenderíase dende a contorna de ENCE á pasarela de madeira dos Praceres.