RIANXO> Un veciño de Rianxo de 51 anos foi detido a última hora da tarde de onte despois de destrozar a porta da vivenda da súa irmá cunha motoserra, na zona da Carballeira, á que supostamente pretendía agredir.
O suceso obrigou a ter que realizar un amplo despregue policial, con axentes da propia Policía Local de Rianxo e da Garda Civil, xa que o individuo, antes da chegada das forzas da orde deuse á fuga.
Finalmente foi localizado e detido, cando intentaba recoller o seu coche nun taller da zona.
Os axentes trasladárono ó centro de saúde da vila onde foi sometido a unha exploración antes de pasar a disposición xudicial.
Ó parecer, segundo nos explicou o alcalde, Adolfo Muíños, padece un trastorno mental, e non era a primeira vez que protagonizaba este tipo de comportamentos violentos.
A irmá do presunto agresor tivo que ser tamén trasladada ó centro de saúde debido a unha forte crise de ansiedade.