Rematada a reforma integral da residencia de Campolongo, que incrementa ata 130 as prazas

PONTEVEDRA> Xa está lista a reforma integral da residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra. Ademais de renovar as instalacións, a intervención permitiu ampliar a capacidade do centro ata as 130 prazas. A metade delas estarán destinadas a persoas en situación de dependencia. Hoxe o centro recibiu a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Dous anos e catro millóns de euros despois, a Xunta de Galicia dá por rematada a reforma integral da residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra.

Hoxe visitou as instalacións o presidente autonómico. Alfonso Rueda puxo en valor que a intervención permitiu tamén ampliar a capacidade do centro ata as 130 prazas. Delas, a metade estarán destinadas a persoas en situación de dependencia.

Alfonso Rueda conversou cos residentes que aproveitaron a visita para poñer máis deberes: pequenos arranxos en baños ou portas e a reforma da terceira e da cuarta planta. Dende Política Social aseguran que a intención é comezar canto antes.

O presidente da Xunta quixo tamén poñer en valor a posta en funcionamento da nova residencia pública de Pontevedra, construída pola Fundación Amancio Ortega. O centro, situado no barrio da Eiriña, conta con 120 prazas e supuxo un investimento de 28 millóns de euros.