PONTEVEDRA> Aprobado o novo contrato de residuos do concello de Pontevedra. A xunta de goberno local deu luz verde hoxe ao documento, que contempla a recollida e o tratamento dos residuos de competencia municipal e a limpeza viaria. Trátase do contrato máis importante da historia con concello. Terá un custo de máis de 233 millóns de euros para os vindeiros 20 anos, 11,7 millóns de euros anuais.
O novo contrato de residuos do concello de Pontevedra xa conta coa luz verde da xunta de goberno local. O documento recolle as novas condicións da recollida e do tratamento dos residuos de competencia municipal, a limpeza viaria e a posta en marcha da planta de compostaxe.
O contrato ten un custo total de case 233 millóns 400 mil euros nos 20 anos de duración. O custo anual será de case 11,7 millóns de euros. O novo servizo contará con máis maquinaria e máis persoal, recollendo investimentos por case 40 millóns de euros.
O novo documento será o primeiro adaptado á Lei de 8 de abril de 2022, de residuos o solos contaminados para unha economía circular.
Trala aprobación desta mañá, o contrato publicarase nos boletíns oficiais nos vindeiros días. As empresas interesadas terán un prazo de 30 días para presentar as súas ofertas. A intención do goberno local é que se poida adxudicar o servizo antes do remate da prórroga do actual, a comezos de xuño.