O colectivo de celadores péchase 24 horas en Montecelo para que se atendan as súas demandas

PONTEVEDRA> O colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a celebrar nesta xornada un peche de 24 horas no Hospital de Montecelo. Un acto co que buscan reforzar as súas reclamacións xa vellas: contratación digna, renovación do material e contar cun espazo no futuro Gran Montecelo. A semana pasada conseguiron o compromiso do novo xerente pero decidiron manter a mobilización xa convocada.

Durante 24 horas o colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estarán pechados no Hospital de Montecelo. Dende as 8 desta mañá ocupan o salón de actos do centro para facer visibles as súas reclamacións.

Non son demandas novas. Xa llas trasladaran a anterior xerencia. Denuncian que o deterioro do material que empregan a diario, como cadeiras e padiolas, afecta directamente á súa saúde. Tamén reclaman melloras nas contratacións para os traballadores eventuais.

Outra das súas reclamacións é contar cun espazo propio no Gran Montecelo, non unicamente cun mostrador.

A semana pasada o novo xerente comprometeuse a atender a maioría das súas peticións. Pero o colectivo de celadores decidiu manter a mobilización xa convocada. Advirten, tamén, que vixilarán de preto o cumprimento dos acordos.

Estas reclamacións súmanse á que veñen facendo dende hai anos: que a de celador sexa recoñecida pola Xunta como categoría sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí