PONTEVEDRA> As eleccións autonómicas volveron a situar ao PP como a primeira forza na provincia de Pontevedra. Os populares conseguiron vencer en 57 dos 68 Concellos. En Poio e en Pontevedra, o partido liderado por Feijóo conseguiu un 52% e un 43% dos votos, respectivamente. Nestes dous municipios, o BNG conseguiu ser segunda forza.
A provincia de Pontevedra tinguiuse esta noite de azul coa vitoria do PP en practicamente todos os Concellos. Na comarca de Pontevedra, os populares conseguiron un 52% dos votos en Poio e un 43% en Pontevedra. Xustamente neste municipio foi onde a agrupación liderada por Feijóo conseguiu vencer no 97% das mesas electorais.
O BNG conseguiu un resultado histórico en Galicia e tamén en toda a provincia. Por Concellos, no de Pontevedra a agrupación de Ana Pontón obtivo un 27% dos votos e en Poio un 21%. Ademais, os nacionalistas rexistraron un incremento importante en practicamente todos os concellos da comarca, conseguindo ser primeira forza política en Soutomaior.
Pola súa banda, o PSOE quedouse como terceira forza tanto no Concello de Pontevedra como no de Poio, onde os socialistas acadaron un 19% e un 17% dos votos, respectivamente. Un resultado moi afastado das expectativas da agrupación vermella.
Tanto no Concello de Pontevedra como no de Poio, o cuarto posto foi a parar a Galicia en Común cun 3% dos votos. Vox conseguiu un 2% e Ciudadanos un 1%.