PONTEVEDRA> Tras a crise do coronavirus, son moitas as iniciativas que buscan axudar ao comercio local. Unha das máis innovadoras naceu dunha artista pontevedresa. Elisa Cotelo decidiu adaptar un dos seus proxectos máis persoais á nova normalidade. As protagonistas son as bonecas Barbie.
O que comezara como un hobby en 2018 acabou converténdose nun proxecto cultural, artístico e persoal no que elas son as protagonistas. A artista Elisa Cotelo decidiu comezar a subir ás redes sociais fotografías coma estas. Nelas, as Barbies dan a coñecer diferentes recunchos da cidade de Pontevedra.
Con máis de 100 Barbies na súa colección, neste proxecto Elisa Cotelo conseguiu unir as súas paixóns: a fotografía e estas tradicionais bonecas. Ademais, detrás delas hai unha importante reivindicación.
Tras a crise do coronavirus, esta artista pontevedresa quixo aportar o seu gran de area fomentando o comercio local. Na nova normalidade, estas Barbies deixaron as rúas e as prazas da cidade e comezaron a dar visibilidade a diferentes establecementos de Pontevedra.
E tras visitar máis de 30 comercios locais, Elisa Cotelo decidiu poñer fin a esta iniciativa pero o proxecto “Barbies de Pontevedra” sigue en pé.
Estas Barbies seguirán dando moito que falar na Cidade do Lérez e de feito, no Canal Rías Baixas estamos xa preparados para seguir os seus pasos moi de cerca coa nosa propia reporteira.