PONTEVEDRA> Peche do persoal de Ambulancias Civera no Hospital Montecelo de Pontevedra. Os traballadores tomaron esta medida tralo último episodio do conflito laboral coa empresa adxudicataria do servizo: o impago do salario do mes de decembro. Reclaman, dunha banda, que a compañía se poña ao día nos pagos. Pola outra, que o Servizo Galego de Saúde rescate a concesión do servizo ante os continuos incumprimentos.
O impago de parte das nóminas do mes de decembro rematou coa paciencia do persoal de Ambulancias Civera, a empresa concesionaria do servizo de transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Hoxe manifestáronse diante do Hospital Montecelo para reclamar a intervención da xerencia da área sanitaria. Unha concentración que derivou nun peche nas instalacións hospitalarias.
Traballadores e sindicato acusan á xerencia de ser cómplices da empresa, a pesares de coñecer os seus continuos incumprimentos. Por iso demandan que se rescate a concesión.
A pesares da situación, os traballadores están a cubrir os servizos básicos para evitar na medida do posible os inconvintes aos doentes.
A preocupación dos traballadores é aínda maior tralos rumores que apuntan a un posible preconcurso de acredores na empresa. Algo que empeoraría aínda máis o conflito laboral aberto con Ambulancias Civera.