CAMBADOS> Cambados reforzará a vixilancia nas zonas afectadas polas picadas de rodas en vehículos. A Garda Civil e a Policía Local tomarán medidas logo de que nesta fin de semana case unha trintena de coches aparecesen coas rodas estragadas na zona dos Olmos e noutros puntos da vila, como A Calzada ou a Ribeira de Fefiñáns. As forzas da orde están tratando de dar co autor ou autores. Ao ampliar tanto o seu radio de acción, cren que poderán identificalo a través de imaxes de cámaras de seguridade.
A Garda Civil e a Policía Local reforzarán a seguridade en Cambados para tentar poñer fin aos episodios de picadas de rodas. O último, esta fin de semana con preto dunha trintena de coches afectados. O autor ou autores destes feitos estragáronlle a cada vehículo dúas rodas. Foi na rúa dos Olmos, onde xa se produciran episodios deste tipo, pero tamén desta volta noutros puntos do Concello, como na Calzada ou na Ribeira de Fefiñáns.
Máis alá do incremento da presenza policial, o alcalde avanza que se van tomar outro tipo de medidas, que prefire non desvelar, co obxectivo de dar co autor destes feitos.
Sobre a investigación, polo de agora non hai ningún sospeitoso. Con todo, a Garda Civil está tratando de dar co autor ou autores das picadas a través de gravacións de cámaras de seguridade. O feito de que actuase en varios puntos da vila pode axudar a dar con el.
No Concello comparten a indignación de moitos veciños ante este novo capítulo de picadas. Tendo en conta, ademais, que no canto de ir a menos, o problema vai a máis, en distintas zonas do núcleo urbano e afectando a máis vehículos.
Con todo, o alcalde fai un chamamento á tranquilidade. Cre que se trata dun feito illado e que Cambados continúa a ser unha vila segura.
Esta mañá, ademais de reuirse coa Policía Local e a Garda Civil, o alcalde tamén falou por teléfono coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra. Maica Larriba trasladoulle ao rexedor o seu apoio, ofrecendo toda a colaboración que se precise para rematar coas picadas de rodas en Cambados.