O Umia desborda en Caldas coa previsión de novas enchentes nos próximos días

CALDAS> Preocupación en Caldas pola crecida do Umia. O río xa desbordou nalgúns puntos na pasada madrugada e, por diante, temos outra noite complicada. O motivo é o alivio do encoro da Baxe, que se atopa en máximos e fai que, río abaixo, o caudal medre. Os efectivos de emerxencia actuaron en diferentes intervencións nas últimas horas. Prepáranse tamén para a fin de semana, cando se prevé que outra nova fronte deixe intensas precipitacións da zona.

Este é o encoro da Baxe, en Caldas, esta mañá. O embalse atópase ao límite da súa capacidade, o que obriga a alivialo. A consecuencia, a crecida do río Umia ao seu paso pola localidade, que deixa imaxes como estas. Son da pasada madrugada, cando os efectivos de emerxencia tiveron que acudir a diversas incidencias a consecuencia do desbordamento do seu caudal. Tamén obrigou a corta-la entrada entre Caldas e Portas.

En previsión desta situación, o Concello xa tomara medidas, como o peche de zonas inundables, sen ter que lamentar danos persoais. Durante esta xornada, o río seguía levando moita auga, pero mellorando.

Nesta tarde, os veciños seguiron mirando de reollo o río. Por diante, outra longa noite para os efectivos de Protección Civil e a Policía Local. Pero a cousa non remata aí. Para a vindeira fin de semana agárdase unha nova fronte que podería deixar de novo incidencias na zona. O Concello prepárase para o que poida pasar.

A pesar desta situación, a Dirección Xeral de Emerxencias mantén fora do Plan Inungal o río Umia, que activou noutros once ríos do país. Entre eles, o Lérez, logo de supera-los limiares establecidos e presentar un crecemento moi significativo do seu caudal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí