As traballadoras de Bershka irán á folga para protestar polo peche das tendas de Pontevedra e Vilagarcía

PONTEVEDRA> As traballadoras das tendas de Bershka da provincia de Pontevedra irán á folga indefinida a partires deste xoves. É a súa reacción trala decisión de Inditex de pechar os establecementos da capital e de Vilagarcía. As empregadas afectadas polo peche reclaman a súa recolocación nas mesmas condicións e nas súas cidades noutras tendas da multinacional.

A decisión de Inditex de pechar as súas tendas de Pontevedra e Vilagarcía xa ten resposta. As 56 traballadoras dos catro establecementos da provincia pontevedresa están chamadas a unha folga indefinida a partires do xoves.

Inditex ofreceu ás 21 traballadoras ser recolocadas nas tendas que manterá abertas en Vigo. Pero consideran que as condicións ofrecidas empeoran a súa situación laboral e dificultarían a conciliación.

A empresa ofrécelles un plus de transporte de 90 euros como máximo. Ademais, seis poderán ser recolocadas noutras tendas de Inditex de Pontevedra e de Vilagarcía, pero perdendo as condicións que tiñan en Bershka. As que non queiran, poden saír da empresa cunha indemnización por despedimento improcedente de 33 días por ano traballado.

Inditex realiza esta operación no marco dun acordo a nivel estatal asinado con Comisións Obreiras e UXT pero que CIG, sindicato maioritario en Galicia, non acata. Defenden, ademais, que a de Pontevedra é unha tenda rendible.

Ademais da folga, están a organizar unha manifestación este venres a partires das 8 e media da tarde con saída dende o Hospital Provincial ata a tenda de Bershka en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí