Os traballadores de CCOO, en folga indefinida para reclamar melloras salariais

PONTEVEDRA> Os traballadores de Comisións Obreiras de toda Galicia están en folga indefinida. Un paro que está a ser secundado polos catro empregados que o sindicato ten en Pontevedra e a única traballadora que ten na oficina de Vilagarcía. Reivindican un convenio colectivo xusto e a actualización do salario, conxelado dende o 2014. Denuncian que a pesares de que intentaron a vía da negociación, non foi posible chegar a un acordo.

Os traballadores do sindicato Comisións Obreiras en Galicia iniciaron este luns unha folga indefinida. Unha convocatoria que tamén está a ser secundada polos catro empegados da oficina de Pontevedra e a traballadora de Vilagarcía.

O último convenio colectivo que asinaron foi no 2002 e no 2014 tiveron a última suba salarial, dun 1,9%. Reclaman a Comisións Obreiras unha suba dun 9% en tres anos. Dende o sindicato, pola súa banda, só ofreceron un 4,5%.

A pesares de que sobre a mesa o sindicato chegou a poñer unha suba dun 7,5%, os traballadores denuncian que retirou a oferta trala convocatoria de folga. As conversas prolongáronse durante un ano, pero finalmente os traballadores romperon negociacións.

Explican os traballadores que dende o sindicato alegan que non son unha empresa e que non buscan beneficios. Pero o cadro de persoal defende que si teñen superávit e que os seus ingresos van máis aló das cotas dos afiliados, como a asesoría xurídica, as subvencións ou as actividades de cursos que ofrecen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí