Unha pastelería de Pontevedra cambia todo o persoal tras un positivo en Covid

PONTEVEDRA> O incremento de contaxios nas últimas semanas afectou a varios establecementos. A meirande parte deles decidiron pechar tras rexistrar algún positivo entre o seu persoal. Así e todo, outros apostaron por contratar máis persoal e poder continuar así coa súa actividade. É o caso de Natas D´Ouro, unha pastelería de Pontevedra.

A hostalería de Pontevedra estase vendo realmente afectada pola crise da Covid. Nos últimos días, moitos negocios tiveron que pechar as súas portas tras detectar casos de coronavirus entre os seus empregados. Non foi o caso desta pastelería, que decidiu seguir outra estratexia despois de que un dos seus traballadores dese positivo.

Todos os traballadores que estiveron en contacto con el atópanse agora en corentena. Por iso, co obxectivo de continuar coa súa actividade, esta pastelería decidiu mudar a todo o seu persoal.

Esta cadea de pasteis portuguesa chegou á Cidade do Lérez este mesmo verán e, xustamente por iso, non estaban dispostos a que a pandemia frease os seus plans.

Dende que se coñeceu a noticia de que un traballador desta empresa dese positivo, o certo é que a afluencia de xente baixou notablemente. Así e todo, dende a pastelería aseguran que foi debido a baixada de turistas.

Co novo persoal xa incorporado e co obxectivo de garantir sempre a seguridade dos empregados e dos clientes, este establecemento continúa traballando arreo para que os pontevedreses sigan gozando de pasteis coma estes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí