PONTEVEDRA> Nova vida para o Club Naval de Pontevedra. A partires desta fin de semana as súas instalacións acollerán unha nova discoteca na cidade: Sala Zennet. O proxecto nace da iniciativa de dous empresarios hostaleiros pontevedreses, Carlos Fontán e Javier Mori. Unha aposta que conta cun cadro de persoal de 40 traballadores.
Dar unha nova vida ao Club Naval, revitalizar o ocio nocturno pontevedrés e animar a Pontevedra máis próxima ao Lérez. É o triplo obxectivo que perseguen os empresarios hostaleiros da cidade Carlos Fontán e Javier Mori. Eles están detrás do proxecto da Sala Zennet.
Fontán e Mori xa teñen dous locais cada un na contorna da Zona Vella, polo que son conscientes das dificultades que dende hai anos atravesa o ocio nocturno do Casco Histórico, cada vez máis restrinxido pola normativa específica para esta zona, o Peprica.
Comezaron co proxecto no mes de abril. Despois de moito traballo e un forte investimento para axeitarse á normativa, están listos para abrir esta nova Sala Zennet. Terá sesión vermú, tardeo e discoteca e conta con 40 traballadores no seu cadro de persoal.
A inauguración será este sábado. Abrirán a sesión de tarde ás 5 coa actuación do grupo en directo ‘Dos Tipos’ e seguirán coa música da Duendeneta ata medianoite. Xa despois tomarán o relevo os DJs, entre eles Sergei Rez. O domingo inaugurarase a sesión vermú, cun cortador de xamón.











