O concello de Pontevedra considera ‘lamentables’ as pelexas entre ultras de Pontevedra e Leonesa

PONTEVEDRA> O partido do pasado sábado entre o Pontevedra Club de Fútbol e a Cultural y Deportiva Leonesa deixou un regueiro de enfrontamentos entre os colectivos radicais de ambos equipos. Ademais de varias pelexas en diferentes puntos da Zona Monumental, tamén se rexistraron varios saúdos nazis en Pasarón durante o encontro. Dende o concello explicaban hoxe que están a estudar os feitos para tomar as medidas que sexan da súa competencia.

Dous días despois de que se produciran, aínda colean en Pontevedra os enfrontamentos que o sábado se deron entre os colectivos radicais do Pontevedra Club de Fútbol e a Cultural y Deportiva Leonesa.

Segundo explicou a voceira do goberno, un dos momentos máis violentos viviuse na praza dos Peiraos, antes do partido.

Para evitar novos enfrontamentos, os dous grupos de ultras foron custodiados ata o estadio de Pasarón. Rematado o encontro, os efectivos policiais volveron escoltar aos radicais da Leonesa ata o autobús.

Gulías tamén se referiu a outro episodio, desta volta xa durante o partido: os saúdos fascistas por parte dalgúns afeccionados.

A voceira explicou que todos estos sucesos foron tratados hoxe na xunta de goberno local.