PONTEVEDRA> As traballadoras do comercio téxtil e de calzado está chamado a mobilizarse en Pontevedra. O sindicato CIG vén de convocar concentracións para este venres e unha folga o da vindeira semana para protestar contra o convenio que se está a negociar en Madrid para todo o Estado. Aseguran que o paso do convenio provincial actual ao estatal suporía unha perda de preto de 2.000 euros ao ano para as dependentas e o retroceso en dereitos relacionados coa conciliación e a saúde laboral.
A CIG chama a mobilizarse ás traballadoras do comercio téxtil e de calzado. O sindicato ten dúas convocatorias previstas: a primeira, unha concentración este venres, na rúa Benito Corbal de Pontevedra; a segunda, unha xornada de folga en toda Galicia o venres 17. Rexeitan o preacordo asinado en Madrid entre a Asociación de Retail Textil e Calzado, patronal que agrupa a firmas como Inditex, Mango, HyM ou Cortefiel, e Comisións Obreiras.
Reclaman que este acordo non se aplique en Galicia. E é que, aseguran, empeora o convenio provincial pontevedrés para este sector, tanto a nivel salarial como de dereitos.
Este convenio estatal tampouco contempla cuestións como garantir o cobro do 100% do salario en caso de incapacidade temporal, as axudas de bolsa durante as vacacións ou a promoción profesional automática por antigüidade. Dereitos que si están vixentes en Pontevedra.
Dende a CIG criticaron tamén o papel de Comisións Obreiras nesta negociación. Denuncian que ao tempo que asinan o preacordo en Madrid que suporía o compromiso de non promover convenios autonómicos, están negociando o convenio provincial de Pontevedra.
O sindicato recorda ademais que, de saír adiante, o convenio estatal tería prevalencia, provocando a desaparición do provincial. Actualmente, o sector pontevedrés está en proceso de negociación pero en Madrid están convocados a unha reunión o vindeiro 20 de abril, na que podería aprobarse a entrada en vigor do coñecido como ARTE.
As dependentas do téxtil e do calzado de Pontevedra, chamadas a mobilizarse











