A Deputación remata o proxecto de rehabilitación dos edificios históricos do Museo valorado en 8 millóns

PONTEVEDRA> Xa está listo o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. A recuperación do Castro Monteagudo e do García Flórez está orzamentada en case 8 millóns de euros. Contempla tamén a conexión soterrada de ambos inmobles para solucionar os problemas de accesibilidade.

A Deputación de Pontevedra avanza na rehabilitación dos edificios históricos do Museo Provincial. Xa está listo o proxecto para recuperar o Castro Monteagudo e o García Flórez.

Unha das principais dificultades que presenta a actuación é solucionar os problemas de accesbiilidade dos edificios. O proxecto opta, finalmente, por unha conexión soterrada. Actuaríase sobre un túnel xa existente, unindo o soto do xardín de García Flórez e a torre do Castro Monteagudo.

A compra de Santa Clara e a súa cesión ao Museo de Pontevedra por parte do concello permitiu á Deputación deixar de lado a construción dun soto co que pretendía solucionar a falta de espazo. No interior dos edificios as actuacións dirixiranse a preparalos como zonas expositivas.

Hoxe mesmo a Deputación enviou o proxecto ao concello para comezar co trámite das licenzas. Aínda están pendentes os informes da Dirección Xeral de Patrimonio e de Costas.

O proxecto sairá a licitación cun orzamento de case 8 millóns de euros. Segundo os cálculos da Deputación, esta contía diminuirá de xeito importante no proceso de licitación. Ademais, van solicitar ao Goberno do Estado unha achega de 3 millóns de euros dos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia para Edificios Públicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí