MARÍN> A Fundación Xoán XXIII presentou hoxe o ambicioso proxecto no que está a traballar. Trátase de Botánico do Lago Castiñeiras, co que busca xerar emprego inclusivo, normalizar o traballo das persoas con discapacidade intelectual e revitalizar a contorna deste espazo natural. A entidade agarda que esta iniciativa, que contempla a posta en marcha de diferentes espazos como unha cafetería ou un viveiro, poida estar funcionando na primavera do vindeiro ano.
Botánico do Lago Castiñeiras é o ambicioso proxecto que está a poñer en marcha a Fundación Xoán XXIII. Unha iniciativa coa que busca xerar emprego inclusivo e normalizar o traballo das persoas con discapacidade intelectual.
Para isto, están a transformar as instalacións do antigo Centro de Recuperación da Fauna Silvestre. Acollerán novos servizos para o público, como uns aseos públicos, unha cafetería, un viveiro ou unha parte reservada para a produción de planta forestal. Todo atendido por usuarios da fundación.
Está previsto que en tempada alta traballen ao redor dunha ducia de persoas con discapacidade intelectual neste Botánico do Lago Castiñeiras. Un paso máis no seu crecemento individual.
Un proxecto ambicioso que á súa vertente social, suma a ambiental. Botánico do Lago Castiñeiras contribuirá á revalorización deste espazo natural.
A intención é que os servizos de cafetería e viveiro poidan entrar en funcionamento na primavera do 2026. Así as cousas, dende a Fundación Xoán XXIII explican que se trata tan só dunha fase nunha intervención máis ampla.
Botánico do Lago Castiñeiras converterase nunha pata máis dentro da aposta pola formación e o emprego da Fundación Xoán XXIII. Actualmente teñen en marcha un proxecto de formación dual de xardinería e viveirismo, iniciativa que lles gustaría estender a outros labores, como guías ambientais ou servizos de restauración.











