PONTEVEDRA> As zapatillas recadadas pola iniciativa ‘Pontevedra Corre por Guinea’ xa están no poboado de Gambasse. Finalmente, foron máis dun milleiro as que partiron dende a capital pontevedresa, rachando coas expectativas dos organizadores. A ONG intermediaria xa realizou esta semana o reparto entre a rapazada da escola. Mentres, dende Pontevedra os impulsores da iniciativa xa pensan na segunda edición.
Con 1.051 zapatillas de deporte recadadas a iniciativa ‘Pontevedra Corre por Guinea’ daba por rematada a primeira campaña así, dende a Praza da Peregrina.
O peche foi todo un acontecemento. Unha festa que continúa agora en Gambasse, o poboado ao que ía dirixido este calzado. As zapatillas xa chegaron a esta zona rural do país africano.
A ONG Silo Gambasse, que exerceu de intermediaria entre Pontevedra e Guinea, encargouse do reparto.
Tralo éxito desta primeira edición, os organizadores de ‘Pontevedra Corre por Guinea’ xa pensan na seguinte. E advirten: o proxecto segue moi vivo e non rematou cando as zapatillas saíron da cidade.
Porque están convencidos de que esta iniciativa, que mobilizou á sociedade pontevedresa pero tamén a persoas doutros puntos de Galicia e de España, merece unha longa vida.