Ribeira estrea dous novos aseos públicos

RIBEIRA> Ribeira estrea dous aseos públicos autolimpables. Están situados no paseo do Touro e nas Abesadas. O obxectivo do concello é seguir ampliando estes equipamentos en distintos espazos públicos do municipio.

Xa están en funcionamento os dous novos aseos públicos que habilitou o concello de Ribeira ó comezo do paseo do Touro e nas inmediacións do parque das Abesadas. Supuxeron un investimento de máis de 100 mil euros con cargo ós fondos Next Generation cos que virán satisfacer unha vella demanda da veciñanza.

As novas instalacións están dotadas da última tecnoloxía cun sistema de autolimpeza e materiais de seguridade para evitar os actos vandálicos.

Estes dous aseos véñense sumar ós xa dispoñibles no paseo de Coroso e na estación de autobuses. A intención do concello é seguir incorporando máis equipamentos accesibles e funcionais nos espazos públicos.