O alcalde de Ribadumia, David Castro, regresa ao PP e será o seu candidato nas eleccións de maio

RIBADUMIA> O alcalde de Ribadumia, David Castro, regresa ao Partido Popular e será candidato nas eleccións municipais do 28 de maio. Castro ocupa a alcaldía dende o 2015, cando se presentou como cabeza de lista da formación Independentes por Ribadumia, escisión do propio PP. Castro xa fora concelleiro co Partido Popular no 1999.

O alcalde de Ribadumia volverá ser candidato nas eleccións do mes de maio. Iso si, David Castro muda de siglas e regresa ás que o acompañaron nos seus inicios na política. O Partido Popular anunciaba esta tarde que será o seu alcaldable nos vindeiros comicios.

Castro leva na alcaldía dende o ano 2015. Foron as súas primeiras eleccións como cabeza de lista do partido Independentes por Ribadumia, formación que naceu dunha escisión do Partido Popular encabezada polo histórico José Ramón Barral, máis coñecido como Nené, alcalde popular durante 18 anos. De feito, o propio David Castro foi edil do Partido Popular na corporación no último mandado de Barral tralas eleccións de 1999. A detención de Barral acusado de contrabando de tabaco e a súa expulsión do PP levou ao nacemento de Independentes por Ribadumia.

No 2015, Castro conseguiu arrebatar a alcaldía ao Partido Popular grazas a un pacto con Somos Ribadumia e o Partido Socialista. Xa no 2019 seguiu no cargo pero desta volta con maioría absoluta.

Segundo explican dende o Partido Popular provincial, a integración dos independentes xurdiu dun xeito natural nas últimas semanas. Aínda que hai xa un ano que os rumores sobre este movemento se facían máis fortes en Ribadumia. En nota de prensa, o presidente popular Luis López agradeceu a xenerosidade, disposición e compromiso de Castro co proxecto do PP.

Pola súa banda, o xa candidato do Partido Popular en Ribadumia amosou a súa satisfacción por sumar as forzas dos dous partidos e por volver ao PP. Convencido de que o proxecto conseguirá o apoio masivo da veciñanza. David Castro destacou, ademais, que case todos os membros dos Independentes xa foran integrantes do Partido Popular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí