A conta atrás para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon comezará o vindeiro venres ao ritmo das Tanxugueiras

PONTEVEDRA> Pontevedra conta xa os días para acoller o que está chamado a ser o evento deportivo do ano en Galicia. O vindeiro venres a praza do concello vestirase de festa para celebrar o izado da bandeira da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. Un evento que contará coas Tanxugueiras para facer partícipe á cidadanía.

A conta atrás para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrará en setembro en Pontevedra comezará ao ritmo das Tanxugueiras. O concello quere converter o izado da bandeira que se celebrará o vindeiro venres 3 de marzo nunha festa na praza do Concello.

O día 3 de marzo faltarán 200 días para que se celebre esta importante proba deportiva. Ademais das Tanxugueiras, haberá unha performance de Pablo Méndez e un acto institucional con representación de concello, Deputación e Xunta. Tamén participarán triatletas de renome, como Susana Rodríguez Cacio, Natalia Castro, Pablo Dapena ou Mónica Flores. O evento estará conducido polo xornalista Rodrigo Vázquez.

Fernández Lores insistiu na importancia que esta proba vai ter para a cidade e para todas as Rías Baixas. Non en van, está prevista a participación de máis de 4.000 deportistas.

O goberno local traballa tamén para deseñar paquetes turísticos que prolonguen a estancia dos deportistas e dos seus acompañantes. Ademais, ten previsto manter reunións cos hostaleiros da cidade para que se poidan adaptar ás necesidades dos milleiros de visitantes que recibirá Pontevedra este mes de setembro.