BOIRO> O Barbanza tinguiuse de morado nesta xornada con actos ó longo de toda a súa xeografía. Un dos máis destacados tiña lugar en Boiro, onde se rendeu homenaxe ás mulleres senlleiras de Cimadevila que traballaron na industria téxtil.
A casa consistorial de Boiro acolleu o acto central do 8M no municipio. Consistiu nunha homenaxe ás mulleres de Cimadevila, protagonistas dun mural que recolle a historia destas emprendedoras que tiveron un papel destacado na industria téxtil da época.
De feito, tres delas tomaron a palabra para contar a súa experiencia como traballadoras nun momento no que as mulleres estaban principalmente dedicadas ós coidados, tarefas que tiveron que compaxinar marcando os primeiros pasos da conciliación.
Tralo coloquio coas senlleiras de Cimadevila tivo lugar a lectura de varios manifestos. As representantes das AMBAR e AMICOS fixeron fincapé na dobre discriminación que sofren por ser mulleres e discapacitadas. Pola súa banda, dende a Cruz Vermella reivindicaron a igualdade de oportunidades. O acto estivo acompañado pola música e voz da pianista Ruth García.