O ‘Xixí’ recibirá este sábado a medalla de Ouro do Concello de Rianxo

RIANXO> A corporación rianxeira celebrará este vindeiro sábado, ás doce, un pleno extraordinario que terá un motivo especial, render homenaxe á figura de Ramón Iglesias, o Xixí, o que durante preto de 40 anos foi presidente da Comisión de Festas da Guadalupe, a quen se lle entregará a Medalla de Ouro do Concello.

Dende o Concello destacaron a importancia de Moncho o ‘Xixí’, polo seu compromiso e dedicación, un dos principais valedores das festas da Guadalupe, que axudou co seu empeño e traballo a colocalas no lugar no que están a día de hoxe, ademais de ser unha persoa que contribuíu a crear comunidade e buscar sempre un Rianxo mellor.

Será ademais a primeira vez que se entregue este distintivo honorífico, recollido no  Regulamento de Honras e Distincións do Concello, aprobado en 1995.