RIBEIRA> O concello de Ribeira e a Xunta agardan acometer a primeira fase da ampliación do CEIP O Grupo este verán. Acondicionaríase a planta baixa da antiga comisaría como zona de despacho deixando libre o edificio principal para habilitar novas aulas.
Trala desafectación da antiga comisaría de Ribeira, o concello e a Xunta estudan as distintas posibilidades para ampliar o colexio O Grupo habilitando os novos espazos que demanda o centro neste edificio anexo. Así, o alcalde, Manuel Ruíz, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitaron as instalacións acompañados da directora do colexio, Nieves Lampón, quen lles trasladou as principais necesidades que presentan as actuais dependencias educativas.
Ademais dun espazo para psicomotricidade, o centro precisa ampliar a biblioteca e habilitar novas aulas para o que sería preciso trasladar a zona de despachos ó novo inmoble.
Dende o concello estiman que esta primeira fase podería executarse este verán para entrar en servizo as novas instalacións de cara ó vindeiro curso 2023-2024.