O Torneo Interparroquial de Fútlbol de Boiro recada máis de 10.000 euros para ASANOG

BOIRO> O concello de Boiro acolleu o acto de entrega da recadación do Torneo Solidario Interparroquial de Fútbol. Foron máis de dez mil euros destinados integramente á Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia, ASANOG.

10.329 euros. Esta foi a contía recadada no Torneo Solidario Interparroquial de Fñutbol celebrado o pasado 28 de xuño en Boiro. Os seus organizadores facían entrega esta mañá do cheque á Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia ASANOG.

Este torneo solidario naceu hai tres anos grazas ó espírito solidario dun grupo de amigos que viron a oportunidade de contribuír a unha boa causa ó tempo que promovían a práctica deportiva.

Dende a súa creación, o torneo destina toda a recadación a ASANOG que leva 13 anos prestando apoio ás familias con nenos enfermos de cancro.

Dende o concello de Boiro, que colabora coa iniciativa, agradeceron o apoio das numerosas empresas patrocinadoras así como de voluntarios e de toda a cidadanía boirense que unha vez máis foi exemplo de solidariedade.