A Xunta saca a licitación as obras de humanización da travesía de Palmeira

RIBEIRA> A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada do presidente da Fundación RIA, o arquitecto británico David Chipperfield, foi a encargada de dar a coñecer a licitación desta actuación que ten coma principal finalidade a humanización dun tramo de algo máis dun quilómetro da  estrada AC-305 ó seu paso pola parroquia ribeirense de Palmeira.

O proxecto en cuestión, deseñado pola Fundación Ría, conta cun orzamento de preto dos tres millóns de euros, e segundo indicou a propia Conselleira pretende ser a semente doutras actuacións semellantes a desenvolver tamén noutros puntos desta estrada que vertebra a comarca do Barbanza.

Dende a Fundación Ría agradeceron a aposta da Xunta no proxecto, que busca recuperar a identidade urbana da travesía, creando un espazo máis humano e máis seguro para os peóns.

As empresas interesadas en facerse cargo da obra poden presentar xa as súas ofertas na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. O prazo para facelo remata o 24 de setembro.

As previsións da Xunta pasan por poder adxudicar os traballos xa antes do remate deste ano para poder inicialos no primeiro trimestre de 2025.