Os traballadores de Alcampo piden que os seus soldos suban segundo o IPC

VILAGARCIA> Os traballadores de Alcampo, en Vilagarcía, concentráronse esta mañá ás portas do centro comercial. Piden que no seu convenio, que se está a negociar, os soldos suban conforme ao IPC. Ademais tamén critican os novos contratos fixos discontinuos que se pretenden incluír no novo convenio.

Mentres en Madrid se está a negociar o convenio de grandes almacéns, en Vilagarcía os traballadores do Alcampo celebraron esta mañá unha concentración ás portas do centro comercial. O novo convenio afectaría a empresas como a súa e a outras, como Carrefour, El Corte Inglés ou Leroy Merlín. Estamos a falar dunhas 250.000 persoas en todo o estado.

Reclaman que nese novo convenio as súas subas salarias se produzan segundo o IPC. Consideran a proposta da patronal ‘insuficiente’.

A CIG engade outras reivindicacións. Por exemplo, non están dacordo coa incorporación ao convenio dos contratos fixos discontinuos porque, segundo defenden, só serven para precarizar aínda máis o sector.

Aproveitan tamén para denunciar que tampouco se está avanzando en medidas de conciliación familiar, sabendo que os contratos son de luns a sábado e que, aínda por riba, hai domingos e festivos nos que se permite a apertura deste tipo de superficies.

Mentres a CIG senta na mesa de negociación do convenio para todo o estado, aproveita tamén para reclamar de novo un convenio galego para o sector.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí