PONTEVEDRA> O Partido Socialista reclama á Xunta que estenda a dragaxe do Lérez ata a Ponte dos Tirantes. É unha das emendas que o PSOE presenta á moción que levará o Partido Popular ao vindeiro pleno de Pontevedra sobre esta actuación no río. Pretenden transformar o texto dos populares, que consideran partidista e propagandístico.
A dragaxe do Lérez centrará parte do debate do vindeiro pleno municipal. A cuestión será a protagonista dunha moción do Partido Popular á que os socialistas presentarán varias emendas para converter o texto, din, nunha proposta realmente útil.
Entre os cambios presentados polo Partido Socialista, está unha nova demanda á Xunta: que a dragaxe do Lérez se amplíe ata a Ponte dos Tirantes.
Tamén reclaman tanto á Xunta como ao Goberno central unha análise profunda dos lodos que se retiren do Lérez. O obxectivo é confirmar que non serán tóxicos para os fondos mariños que os reciban. De non cumprir cos requisitos, os socialistas demandan que se traten en terra.
Para os socialistas, os populares realizan unha lectura interesada do informe elaborado polo Cedex sobre os puntos de vertedura destes lodos. Ademais do lugar tradicional na contorna da illa de Sálvora, os expertos sinalan outras dúas opcións: un punto nesta zona e un terceiro próximo á boca da ría de Vigo. O Cedex establece tamén catro criterios para seleccionar cal será o destino final destes áridos. Polo que dende o PSOE defenden que a escolla se realice unicamente despois de contar con todos os informes técnicos necesarios.
Outra das modificacións que o PSOE quere incluír no texto dos populares pasa por reclamar a Portos de Galicia unha dragaxe puntual na contorna do Porto Deportivo que permita recuperar o calado preciso nos pantaláns inutilizados, tal e como reclama o Club Naval de Pontevedra. Actuación que se realizaría antes de iniciar a dragaxe xeral do Lérez.











