As familias do Piñeiriño entregan 3.300 sinaturas na Xunta para reclamar o desdobre dunha aula de infantil

PONTEVEDRA> Máis de 3.300 sinaturas demostran o apoio ás reclamacións das familias do colexio do Piñeiriño, en Vilagarcía. Demandan á Xunta de Galicia o desdobre dunha aula de infantil, a de cuarto. Explican que hai 19 alumnos, tres con necesidades especiais. Eles computarían o dobre polo que se superaría a ratio establecida de 20 pequenos por aula. Hoxe presentaron as sinaturas na delegación da Xunta en Pontevedra.

As familias de 4º de Infantil do colexio O Piñeiriño, de Vilagarcía, fixéronse oír hoxe en Pontevedra. Concentráronse ás portas da delegación da Xunta na cidade para despois facer entrega das máis de 3.300 sinaturas que apoian a súa reclamación: o desdobre da aula.

Actualmente, a aula conta con 19 alumnos, tres con necesidades especiais. Eles computarían o dobre á hora de marcar a ratio polo que o número de pequenos ascendería a 25. O máximo fixado está en 20.

Despois desta experiencia, reclaman que a Xunta se comprometa por escrito a realizar este desdobre.

Trala entrega hoxe das sinaturas, a súa intención é agardar ao peche do período de matriculación para coñecer cal é o número final de alumnos que estarán en 4º de infantil. Se a situación non cambia, non desbotan unirse a outros centros escolares da contorna con reclamacións en marcha para facer máis forza.