Polonia utilizará o Museo de Pontevedra como exemplo nos procesos de devolución de cadros espoliados

POLONIA> Os dous cadros do Museo de Pontevedra que foran espoliados a Polonia polos nazis xa están de volta na súa terra de orixe. Esta mañá celebrouse no país polaco o acto de restitución do díptico no que participou mesmo o Ministro de Cultura polaco. Piort Glinsk anunciou que utilizarán o exemplo do Museo de Pontevedra para presionar a outros países que optan por non colaborar.

O díptico do Ecce Homo e a Dolorosa da escola de Dieric Bouts xa está na súa casa. Esta mañá celebrouse o acto de restitución destes cadros a Polonia que foran espoliados polos nazis durante a II Guerra Mundial e que remataron entre os fondos do Museo de Pontevedra.

O museo público do castelo de Goluchow, o lugar de orixe dos cadros e onde quedarán expostos de xeito definitivo, acolleu a cerimonia. Un acto ao que asistiu o ministro de Cultura polaco. Piort Glinski asegurou que utilizarán o comportamento da Deputación de Pontevedra como exemplo.

César Mosquera defendeu que dende que coñeceron a orixe dos cadros, a Deputación tivo clara a súa decisión. Pero segundo explicou o Ministro de Cultura, non é o máis frecuente. Nos últimos oito anos recuperaron 600 obras e outras 150 están en trámite e os problemas para levar os expedientes adiante son continuos e moi variados con moitos países como Alemaña ou Gran Bretaña, nos que a lexislación non acompaña.

Para o director do Museo de Pontevedra foi un shock coñecer que había obras con orixe no espolio nazi na institución. Xosé Manuel Rey explicou que dende entón traballan para completar a historia do díptico dende a súa desaparición en 1944 ata a súa entrada no Museo.

O acto de hoxe foi o broche de ouro a unha viaxe máis que satisfactoria para a delegación pontevedresa. Onte visitaron o Museo de Poznan; un encontro que rematou co acordo de estreitar as relacións entre a pinacoteca polaca e o Museo de Pontevedra. Abrindo incluso a posibilidade de intercambiar fondos para realizar exposicións cruzadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí