PONTEVEDRA> A activación da prealerta pola seca no río Lérez é unha medida tomada por prudencia. Así o explicou hoxe o presidente da Xunta de Galicia. Segundo Alfonso Rueda, os técnicos tomaron a decisión pensando no que podería suceder se setembro e outubro foran meses secos. Dende o concello, pola súa banda, afirman que o abastecemento está asegurado. Actualmente o encoro do Pontillón atópase ao 95% da súa capacidade e o caudal do Lérez é semellante ao que levaba o río o ano pasado nestas datas.
Dende onte, o río Lérez atópase en estado de prealerta por escaseza moderada de auga. A decisión foi tomada pola Oficina Técnica da Seca como unha medida baseada na prudencia.
Para chegar a esta decisión, os técnicos avaliaron varios factores: o descenso do caudal circulante no río rexistrado dende mediados de xullo, o aumento da poboación estacional nos municipios que se abastecen do Lérez e as previsións meteorolóxicas que apuntan a que setembro será un mes máis ben seco.
Tranquilidade pediu tamén esta mañá o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores afirmou que o abastecemento está asegurado. Iso si, hoxe a xunta de goberno local acordou unha batería de recomendacións para cidadanía e empresas para reducir e racionalizar o consumo de auga.
Doutra banda, Lores sinalou que a día de hoxe o Pontillón está ao 95 % da súa capacidade como reserva de auga. En canto ao caudal do Lérez, apuntou que é similar ao que levaba o río o ano pasado por estas datas.