VALGA> A Xunta de Galicia instalará unha cuberta na pista deportiva do instituto de Valga. O proxecto permitirá ao centro realizar actividades e espectáculos no exterior á marxe das condicións climatolóxicas. A obra terá un custo de 200 mil euros.
Os escolares do instituto de Valga verán satisfeita unha das súas demandas, a creación dun espazo pechado onde poder realizar actividades e eventos no exterior nos meses de inverno. Utilizando a propia pista do centro, a Xunta creará unha cuberta que protexa das condicións climatolóxicas.
A instalación da cuberta terá un custo de 200 mil euros. O proxecto dá continuidade a outro iniciado polo Xunta que xa permitiu cubrir as gradas da pista.
Debido ás restricións da covid, e para protexer aos escolares dos temporais, o Concello instalou unha carpa no centro para que os rapaces puidesen realizar as súas actividades. A cuberta que instalará a Xunta solucionará ambos problemas.
O proxecto está en período de licitación. A previsión é que as obras comecen a finais de ano. A instalación da cuberta non afectará á normalidade do curso escolar.