OUTES> Francisco Calo é o novo alcalde de Outes tras prosperar a moción de censura contra o xa ex rexedor Manuel González. No pleno celebrado esta mañá vivíronse momentos de gran tensión, especialmente durante a intervención de Tono Caamaño.
O salón de plenos de Outes quedou pequeno este mediodía para acoller o debate da moción de censura. Numerosos veciños así como representantes de diversos partidos políticos asistiron ó pleno no que se viviron momentos de gran tensión. O xa ex alcalde Manuel González accedía á sala en medio dun sonoro aplauso mentres que o edil socialista, Tono Caamaño, foi recibido entre gritos de traidor.
Trala constitución da mesa de idade presidida pola edil popular Beatriz Molinos tomou a palabra o candidato a alcalde para expoñer as razóns que motivaron a presentación da moción de censura.
Motivos que o aínda alcalde cualificaba de burdas escusas para chegar ó poder a toda costa. Tamén o voceiro do BNG amosouse especialmente crítico cos promotores desta moción de censura acusándoos de moverse unicamente por intereses económicos e persoais.
Pola súa banda, Tono Caamaño tento xustificar o seu cambio de rumbo aludindo á falla de xestión do executivo. Acusou ó BNG de queren impoñer o seu criterio co beneplácito do alcalde.
Ó remate do debate procedeuse á votación na que, como era previsible, saíu adiante a moción de censura con sete votos a favor e seis en contra. Tras tomar posesión como novo alcalde, Francisco Calo, comprometeuse a traballar pola prosperidade de Outes baixo os principios de transparencia e diálogo co resto das forzas.
As primeiras palabras de Francisco Calo tras converterse en novo alcalde de Outes foron de recoñecemento ó alcalde saínte ó que tendeu a man para colaborar en aras dunha transición cordial.
Calo asume a alcaldía co reto de dinamizar o concello atraendo novos investimentos e mellorar os servizos públicos. Referiuse tamén á vontade de transparencia, traballo e dedicación poñéndose a disposición da veciñanza.











